11/10/2009
A revolver!
Mércores. 11. Novembro. 2009. Sala Capitol. Santiago. Norwegian Wood. Day Tripper. The Beatles. Dan máis de si que un chicle Bazooka. Alí estaremos fuchicándolle.
6/22/2009
Novos concertos
Despois da boa experiencia coa nosa participación no ciclo Espazos Sonoros (concertos en Xove e Ribadavia), a semana que ven imos a Vigo (29 e 30 xuño no Pub Contrabajo)dentro da programación do Imaxinasons.
Vémonos!
Vémonos!
2/15/2009
Supercrítica
Istoo... que pode dicir un cando le cousas coma esta?
"Hai anos que non se fala da elegancia na música. (...) Pero este disco de U-lo Trío é elegante e sinxelo. Directo e, por facer aumentar os paradoxos, diría que sofisticado. É sofisticado de prantexamento e sinxelo de execución, unha receita que valería para calquera disco do mellor pop e para calquera disco do mellor jazz."
En fin, xa que fala de clásicos, aí vai un: Me embraga la emosión!
2/07/2009
Presentación na NASA
Onte presentamos por fin o disco en Santiago, na NASA. Foi moi emotivo. A acollida colleunos por sorpresa. Supoño que esperabamos outra cousa. Un ambiente máis distendido, conversas a media voz, a cervexa que cae, idas e vidas á barra, máis follón, barulliño, alguén que fixera palmas nas partes animadas. Nada. Alí o persoal, moitos bos amigos e amigas, boa xente, viña a ver un concerto con todas as letras. Silencio escrupuloso, atención, concentración. Colléronnos co paso cambiado. Polo que se ve, notámolo nós máis ca eles. A música eche o que ten, fai ela o que quere na cabeciña das persoas. As palmas eran só ao final, fortes e quentiñas. Souberon a gloria, persoal, saudiña pra todas e todos!
Outra boa sorpresa. Isto das presentacións leva aparellada a penuria de ter que andar contándolle as túas lerias aos xornalistas. Case sempre é desagradecido: os nomes saen mal postos e os titulares están nas antípodas de aquilo do que se trata. Por ben que te expliques. Porén, desta vez, tivemos a fortuna de topar con alguén coa disposición de escoitar, a virtude de entender e a boa fortuna de sabelo escribir.
Tan ben nos sabe o que dixo, que chantamos aquí unha ligazón e máis facemos un Ctrl+C / Ctrl+V sen contarnos un pelo. Punto por punto. Así dá gusto. Un millón, compañeiro Camilo!
Música non hai máis que unha
| U-lo Trío
Estou seguro de que hai un punto no que o jazz e o pop son a mesma música. Os especialistas din que non, pero non podemos deixar a música nas mans dos especialistas. Claro que se en lugar de chamarlle música pop dixeramos que era música popular entón as reticencias serían menores.
Poñernos estupendos coas denominacións das cousas quere dicir poñerse estupendo coas cousas. Así que o jazz pode ser música popular pero non pode ser música pop cando, en realidade, a música popular e a música pop son a mesma cousa en estadios diferentes. Pero estes matices non valen cando falamos de xenealoxía especializada na música, unha especialidade na que todo o mundo se pon bastante estupendo para defender a súa columna de opinión.
Para U-lo Trío estas consideracións son inútiles. Porque eles son músicos. Eles xúntanse e pensan a música como música e buscan o punto de cocción no que as melodías de John Lennon e as súas fogueiras de inverno coincidan coas de Charles Mingus. Tal como se escoita na práctica hai un lugar no que coinciden. Ese lugar é, a un tempo, sinxelo e exótico porque no fondo, como sucede co lume, música non hai máis que unha.
Para simplificar máis a comprobación musical, o trío aínda ten o descaro de aflamencalo todo, de darlle o arabesco suave da guitarra ás melodías, facendo un xogo que demostra a evidencia de que canto máis forzas os xéneros fóra da súa ortodoxia máis se nota cando a música é boa. Marabillas da heterodoxia. Co flamenco sucede en maior medida porque antes o flamenco era a música de España e agora forma parte das músicas do mundo. Imos mellorando.
Unha das vantaxes de U-lo Trío é algo que tantos músicos de todos os tempos quixeron ignorar. A música soa mellor canto máis sinxela. Complicar as cousas está ben para os especialistas, pero os especialistas adoitan ser os peores espectadores. As cancións que son boas son máis boas cun trío que cunha orquestra. Incluso hai veces que son mellores cando as asubías e todo o que estaba na melodía segue aí, funcionando no ouvido.
Despois de pasar polos locais nos que só se admite o pequeno formato este trío das mil batallas decidiu facer un combinado dos que entran suaves e dan calor. En certo xeito ten ese aire cool que tan aprezado foi nunha época sen necesidade de facer ningunha das concesións a determinados exotismos para conseguilo. É unha música que vale para todos os tempos e non se gasta dunha vez para outra. Queda rebotando tranquilamente polos pavillóns auditivos.
Camilo Franco. La Voz de Galicia 5/2/2009
Assinar:
Postagens (Atom)